Vigo acollerá a quinta edicón de Startup Weekend

mércores, 30 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Entre os días 13 e 15 de novembro desenvolverase no Pazo de San Roque de Vigo un dos eventos para emprendedores máis estendido por todo o mundo e máis consolidado no noso territorio, o Startup Weekend Galicia, que chega á súa 5ª edición e que servirá para desenvolver ideas de negocio durante unha fin de semana, experiencia na que pode buscarse tanto o inicio dun proxecto empresarial como, simplemente, participar, aprender e facer networking.
Ese encontro está dirixido a desenvolvedores de software, programadores, deseñadores gráficos e web, xente de negocios, comerciais, profesionais do marketing e a comunicación, emprendedores e, de xeito xeral, a calquera interesado en pór en marcha unha startup, estando xa aberta a compra de entradas (a 35 euros até o 28 de outubro, custando 50 euros a partires de tal data) para poder acudir a esta fin de semana de emprendemento, na que están cubertos os gastos de almorzo, xantar, cea, petiscos e bebidas , entregándose tamén unha camiseta aos participantes.
O Startup Weekend comeza na xornada do venres, onde os asistentes poden intervir nunha quenda de micro aberto na que presentan as súas mellores ideas de negocio durante un minuto, de xeito que outros participantes poden unirse ao seu equipo. Despois de escoitar todas as ideas os participantes poden elixir as ideas máis populares, que serán as que se desenvolverán en equipo durante a fin de semana.
O sábado e o domingo os equipos deseñan e dan forma á súa startup coa axuda de mentores e facilitadores até desenvolver finalmente o seu plan de negocio, para presentar os seus prototipos ante un panel de xuíces o domingo pola tarde nun pitch de poucos minutos. Elixirase un gañador do evento e o mellor proxecto de innovación social.

Fotografía de grupo dunha pasada edición do Startup Weekend Galicia

PUBLICIDADE