Vigo acollerá o 11 de decembro unha xornada sobre os logros e eivas da eAdministración

martes, 25 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vai organizar o mes vindeiro unha completa sesión informativa (e formativa) sobre o presente e o futuro da dixitalización dos procesos administrativos e da comunicación a todos os niveis coa cidadanía. O evento, titulado A Administración na era dixital: avances teóricos e desafíos profesionais, está previsto para o 11 de decembro. Máis en detalle, entre os seus obxectivos cóntase o seguinte: dar a coñecer entre o persoal ao servizo das institucións públicas galegas (e interesadas/os en xeral) os principais avances no eido da implantación das TIC no sector público europeo. De entre todas as temáticas posibles a tratar (unha manchea), haberá algunha que se agarda mereza especial atención, como por exemplo a fundamentación das medidas relativas á eAdministración máis salientables para a cidadanía, ou a procura de estratexias estatais vinculadas ao afianzamento de prácticas electrónicas de goberno no contorno da UE.
Asemade, tamén se pretenden avaliar os intereses dos cidadáns, os seus usos e costumes: o que demandan, o que desexan empregar... até onde están dispostos a chegar en materia de tramitación electrónica ou comunicación cos entes públicos? Neste punto, abránguese no programa de actividades un máis que posible labor colectivo de posta en práctica de incentivos da eAdministración, tanto a nivel interno como externo (na cidadanía galega).
Por certo que o encontro terá lugar en Vigo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (rúa Concepción Arenal, 8), o día 11 de decembro e o aforo é limitado pola capacidade do local. Por iso, poderanse formalizar as solicitudes ata o 9 dese mes. Ao final, os participantes recibirán un certificado de asistencia.

PUBLICIDADE