Vigo será en 2024 sede do cumio mundial de criptografía cuántica

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

Será en setembro do vindeiro ano cando Vigo se converta en sede do principal cumio mundial de criptografía cuántica, pois resultou elixida para celebrar a 14th International Conference on Quantum Cryptography, Qcrypt. Trátase dun evento que tras pasar por cidades como Zurich, Cambridge, Shanghai, Ámsterdam ou Washington (en 2023) chegará por primeira vez a España, máis en concreto a Vigo. Será do 2 ao 6 de setembro de 2024 na sede Afundación, organizado pola UVigo e o Centro de Supercomputación de Galician (CESGA), e traerá á cidade olívica arredor de 400 investigadores e investigadoras de Estados Unidos, Europa e Asia, relacionadas con estas tecnoloxías que estudan, sobre todo, o incremento constante da seguridade e confidencialidade das nosas comunicacións.
“É unha oportunidade única para visibilizar aínda máis as importantes actividades de investigación que se realizan na nosa Universidade, en Galicia, e España nestas tecnoloxías, e para converter a Vigo na capital das comunicacións cuánticas durante a semana do evento”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Marcos Curty, director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación AtlantTic, pendente de presentación pública, no que colaboran empresas e universidades dunha ducia de países.
“Varios dos investigadores e investigadoras coas que contamos arestora na Universidade nestas tecnoloxías somos pioneiros neste campo, temos gran visibilidade internacional e colaboramos cos principais grupos internacionais nesta área”, subliña Curty, quen aclara que dous deles -el mesmo e Hugo Zbinden- teñen sido membros do comité directivo deste congreso varios anos. “Esta bagaxe e a investigación de excelencia que realizamos na nosa Universidade en comunicación cuántica foron fundamentais para que se elixise Vigo”, subliña o investigador.
A conferencia anual sobre criptografía cuántica, QCrypt, é un encontro internacional aberto ao alumnado e á comunidade investigadora que traballa en todos os aspectos da criptografía cuántica, o que inclúe investigacións teóricas e experimentais sobre as posibilidades e limitacións da comunicación e a computación seguras con dispositivos que explotan os efectos da mecánica cuántica, ou na presenza de dispositivos que empregan estas tecnoloxías.
“O obxectivo da conferencia é presentar os mellores resultados do ano anterior en criptografía cuántica e apoiar a construción dunha comunidade de investigación neste eido”, salienta o docente vigués, quen tamén fai referencia a que o programa incluirá investigacións sobre a distribución cuántica de claves criptográficas plenamente seguras.

PUBLICIDADE