Vimianzo lánzase a dixitalizar a súa documentación histórica

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vimianzo encarou a recta final de 2017 realizando un importante labor de recuperación e conservación da súa documentación histórica. Este traballo, un importante proceso de dixitalización de actas plenarias, encádrase na aposta do actual equipo de Goberno a prol do patrimonio local, no que se integran os devanditos documentos históricos. O proceso de dixitalización foi realizado pola consultora Unayta, empresa con sede en Milladoiro, especializada na xestión documental e responsábel de diferentes proxectos en arquivos públicos e privados, amais de iniciativas destinadas a incrementar a seguridade TIC ou a pór en valor cousas concretas como o noso mar.
Segundo informou o Concello, as actas de plenos que se incluíron no proxecto son as correspondentes a tres volumes con datas comprendidas entre xullo de 1930 e xullo de 1940 e que conteñen información municipal “cunha importante interese histórica” e que xa se atopan en formato dixital a disposición da Administración local.
No seu cometido, os técnicos de Unayta levaron a cabo tarefas como o manipulado especial da documentación, a numeración e a nomenclatura das imaxes así como a descrición das mesmas, “todo isto aplicando rigorosos controis de calidade específicos para este tipo de documentación histórica”, explica o Concello, engadindo que os traballos tamén incluíron a realización de fichas de rexistro para cada sesión plenaria con datos como o tipo de sesión, a data e lugar da xuntanza,os asistentes, a orde do día e os asinantes.
Para o Goberno de Vimianzo, a información xerada “será de capital importancia para que tanto os traballadores do consistorio coma os investigadores e os historiadores poidan realizar buscas polas temáticas indicadas coa finalidade de atopar de xeito rápido e cómodo información relacionada ben co traballo diario ou ben cos contidos das súas investigacións”.
Para o alcalde, Manuel Antelo, a dixitalización das actas plenarias desta década “reviste unha enorme importancia”. Segundo engade, “cómpre lembrar que a década dos 30 do século pasado a época de moita intensidade política coa democratización das institucións coa proclamación da República e co seu derrocamento co golpe militar do ano 36 e os posteriores 40 anos de ditadura”. Entre o patrimonio documental recuperado inclúese, por exemplo, o acordo da Corporación municipal de Vimianzo para expropiar o Castelo e que pasara a ser propiedade municipal, tal e como foi durante algúns días a finais de xullo de 1936 até que as forzas sublevadas depuxeron o Goberno democrático municipal.
Para as persoas interesadas nestas e noutras informacións, dicirlles que o Concello ten previsto pór a disposición das e dos investigadores e do público xeral toda esta información a través dunha plataforma na Internet.

PUBLICIDADE