Virtualware presenta o encerro virtual de San Fermín

mércores, 4 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

O salón FITUR de Turismo celebrado os días pasados en Madrid serviu entre outras cousas para confirmar o que xa se intuía: que a práctica totalidade das actividades vinculadas aos viaxes, á hostalería e ao culinario teñen xa unha orixe no emprego de Internet e as novas tecnoloxías en xeral. Por se isto fose pouco, hai ofertas que no camiño da promoción dun eido físico determinado, mesmo achegan turismo para facer na Rede. Dito doutra maneira: experiencia viaxeira en dúas metades, a primeira sen moverte dun espazo determinado e a segunda percorrendo xa o punto de destino de xeito presencial. Este é o alicerce dun desenvolvemento concreto das firmas Virtualware e Proevent, que estiveron no stand de Navarra da devandita feira presentando a web sanferminencierro.com, unha proposta en liña que ofrece, entre outras cousas, un peche virtual nos coñecidos festexos de Pamplona. Con todo, a actividade da empresa no salón consistiu en algo máis que en unha demostración web pura e dura: incluíu a proxección en dúas pantallas de sesenta polgadas dalgunhas das máis salientables intervencións no dito percorrido dixital.
A idea foi animar aos visitantes a chegar até o fondo do proposta: subirse á cita de correr equipados cun casco de realidade dixital e gozar logo da experiencia en primeira persoa. A empresa como e a representación do Goberno de Navarra deron cifras sobre a participación no simulador: unhas 2.300 persoas puideron correlo co dito equipamento e outras 22.000 amosaron o seu interese sobre o que estaban a visualizar nas pantallas habilitadas.
Atendendo ao miolo tecnolóxico do simulador, dicir que a súa principal baza radica na conxunción de dous factores a priori contrapostos: a tradición (representada polos encerros) e a tecnoloxía (posto ao servizo da representación máis fidedigna posible de todo o itinerario establecido cada ano para cada encerro: arredor dun quilómetro de carreira polo casco histórico da cidade). Con este fin, informa a empresa, foron precisas 7.000 fotografías dixitais de alta definición tomadas no mesmo lugar dos festexos, amais do posterior traballo de modelado das fachadas que integran a carreira, amais da iluminación, sombreado e texturizado das mesmas. Asemade, incluíronse 17.800 espectadores virtuais, 12 toros perseguindo ao usuario e 150 corredores. Por certo que na web, salvando as diferenzas de equipamento, ofrécese unha versión en certa medida enriquecida da proposta: non hai pantallas nin casco virtual, pero achégase a mesma base de percorridos virtuais e contidos lúdicos-didácticos (textos, vídeos).

PUBLICIDADE