Vitae amósanos metodoloxías para cumprirmos no eCommerce coas expectativas dos usuarios

mércores, 22 de marzo do 2017 Redacción

Vitae, consultora galega especializada en formación tecnolóxica de referencia para os nosos profesionais, anunciou esta semana a preparación dunha nova actividade de seu moi acaida para todos aqueles de nós que queiramos facer avanzar os nosos sitios web comerciais en sinxeleza, efectividade e facilitade de uso. Dito doutro xeito: trátase dunha oportunidade para adquirirmos recursos que nos axuden a anticiparnos aos desexos dos clientes e usuarios en xeral. Este é precisamente un dos grandes obxectivos do seminario adicado á Experiencia de Usuario -UX- e Usabilidade en Proxectos Web e eCommerce. Estamos, en palabras de Vitae, ante a terceira edición dun obradoiro directamente encamiñado a amosarnos como deseñar e programar estratexias de usabilidade mediante metodoloxías, técnicas e ferramentas para cumprir coas expectativas dos usuarios.
Segundo explica a consultora, o título do seminario ten a súa raizame no termo “UX Design”, abreviatura de User Experience Design ou, en galego, Deseño de Experiencia de Usuario. Trátase, para quen nono o saiba, dunha filosofía de deseño que ten por obxectivo a creación de produtos que resolvan necesidades concretas dos seus usuarios finais, conseguindo a maior satisfacción e mellor experiencia de uso posíbel co mínimo esforzo. En palabras de Dan Saffer, director de Kicker Studios, UX constitúe “o que o cliente percibe ao usar ou probar un produto e unha forma de ver estes produtos de maneira integral desde o punto de vista dun usuario ao que é probábel que non lle importe como se fan eses produtos, só o produto en si mesmo”.
Segundo lembra Vitae, o proceso para o deseño de UX está relacionado con “comprender e deseñar a experiencia do cliente de principio a fin, e non só o aspecto estético e as funcionalidades dun sitio”. En base a isto, os clientes piden algo tanxíbel de contado. Porén, primeiro é preciso comprender os requirimentos do negocio e as necesidades daqueles.
O curso concibido e artellado por Vitae incluirá estratexias en proxectos web e en proxectos de mobilidade cun enfoque eminentemente práctico. Os obxectivos son: introducir aos asistentes na importancia da definición global dun proxecto web desde o punto de vista do usuario, fornecer metodoloxías para cubrir as expectativas e as necesidades dos visitantes, e por último, ver as peculiaridades especiais dos proxectos de comercio electrónico
Vitae diríxese, desta volta, a programadores, consultores, analistas, xefes de proxecto, responsábeis de comunidades, especialistas en posicionamento en buscadores, técnicos de mercadotecnia en liña, deseñadores e, en liñas xerais, profesionais interesados en ampliar a súa formación en UX para chegar a ter unha fonda comprensión da interacción entre persoa e computador.
Lembrar por último que ademais deste obradoiro, neste segundo trimestre do 2017 Vitae presenta unha ampla oferta formativa centrada en xestión, habilidades persoais e de operacións: Avaliación Avanzada de Perfís TI, Xestión de Proxectos Áxiles con SCRUM, Angular2 ou Desenvolvemento Frontend moderno con React e Redux.

PUBLICIDADE