Vitae axúdanos a converternos en expertos en ciberseguridade na nosa empresa

martes, 6 de setembro do 2022 S. P.

O verán enfía o seu treito final e de novo retomamos a vía da formación tecnolóxica avanzada da man de Vitae Consultores. No seu catálogo de actividades para estes meses inclúese un curso de gran relevancia para acadar contornas laborais seguras: o curso Introdución á ciberseguridade TIC no posto de traballo, impartido por un dos máis destacados expertos galegos en materia de protección tecnolóxica: Gonzalo Sotelo. O curso, que chega á súa terceira edición, vén con 15 horas de contidos. Desenvolverase os días 3, 4, 6, 10 e 13 de outubro.
Segundo informa Vitae, a través desta actividade formativa achegarémonos aos coñecementos e recursos precisos para garantir a seguridade TI na nosa empresa ao tempo que poderemos concienciarnos coa necesidade de sermos parte activa da seguridade TI no eido laboral, integrándonos nos esquemas de protección que se atopen despregados e dando cumprimento a diferentes normais legais neste ámbito. Tamén se nos capacitará para automatizar as boas prácticas postas en xogo para manexar activos na nosa organización.
En definitiva, teremos ocasión de aprender o seguinte:
-Os fundamentos da seguridade informática no posto de traballo.
-Os fundamentos tecnolóxicos e a súa seguridade.
-Os regulamentos actuais en materia de seguridade da información como a RGPD e a LOPD.
-Paulas para previr riscos na seguridade TI no posto de traballo.
O curso está dirixido a todos os profesionais que empreguen as Tecnoloxías da Información (TI) no seu día a día, de calquera sector ou área.
A formación terá unha duración de 15 horas, repartidas en cinco sesións de tres horas.
O encargado de impartir os contidos será Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de Investigación Tecnolóxica da Guardia Civil de Pontevedra. Sotelo é diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol. É formador en cursos relativos á seguridade informática e a investigación tecnolóxica. A día de hoxe é garda civil e exerce como responsábel do devandito equipo pontevedrés dende a súa creación en 2003.

PUBLICIDADE