Vitae e a formadora Josefina Nocelo achegan en febreiro a edición 48 do seu curso de SCRUM e proxectos áxiles

martes, 16 de xaneiro do 2024 S. P.

Hoxe en día quen desexe ser un bo profesional do ámbito tecnolóxico ten que ter claro, dende antes incluso de incorporarse a unha empresa, que a formación teórico-práctica en metodoloxías áxiles é unha condición case imprescindíbel para conseguilo. Existen moitas vías ás que acceder para acadar esta formación, pero é moi probábel que en todo o ámbito estatal non exista unha opción tan acreditada como a que nos brinda a consultora galega Vitae, que organiza este inverno, a cabalo entre febreiro e marzo, a edición 48 do seu curso en aberto Dirección e Xestión de Proxectos TI Áxiles con SCRUM. Celebrarase os días 19, 21, 23, 26, 28 de febreiro e máis o 1 de marzo.
Trátase dunha actividade formativa de gran utilidade para acadar, por unha banda, a máxima calidade nos nosos proxectos, e, pola outra, asegurar a máxima satisfacción entre os nosos clientes. O curso virá da man, unha vez máis, da formadora Josefina Alonso.
O curso, que achega a opción de Certificación SCRUM Manager Nivel Experto, celébrase online, na aula virtual de Vitae.
Segundo recalcan dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa de 16 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de SCRUM en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE