Vitae métenos de cheo no potencial das intelixencias múltiples para a optimización empresarial

martes, 16 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores, no seu camiño de introducirnos en múltiples cuestións relacionadas coas tecnoloxías empresariais e o seu lado máis humano, tenos deparado para os vindeiros días un obradoiro vencellado a unha característica de noso, propia das persoas, pero que terá un claro reflexo no ámbito tecnolóxico. Falamos das intelixencias múltiples. O curso en cuestión, de oito horas, celebrarase o vindeiro 23 de xuño na Coruña, no Hotel Attica 21. Baixo o epígrafe Neurociencia: As intelixencias múltiples e a súa aplicación a empresa (PDF), abordará as orixes deste ámbito científico en particular (o estudo das diversidades das nosas capacidades mentais), para logo levarnos de cheo a aqueles recursos e metodoloxías que nos axudarán a tirarlle partido ás nosas facultades innatas (que todas e todos sen excepción levamos dentro) para contribuír a levar a unha empresa até o máis alto.
Segundo nos conta Vitae para poñernos en situación, a teoría das intelixencias múltiples foi ideada polo psicólogo estadounidense Howard Garner para contrarrestar o paradigma dunha intelixencia única. As súas investigación lograron identificar e definir até oito tipos de intelixencias diferentes.
Os obxectivos do curso serán os seguintes: identificar as claves do enfoque das intelixencias múltiples (IM), recoñecer o valor do coñecemento das capacidades relacionadas ás distintas intelixencias para determinar perfís profesionais, avaliar algúns tipos de desenvolvementos profesionais en relación coas ditas facultades mentais, valorar a utilidade dos indicadores de desenvolvemento IM para o coñecemento e a análise en currículos e entrevistas. Tamén se buscará determinar a utilidade dos indicadores de desenvolvemento IM para optimizar a integración na empresa e o axuste e evolución no quefacer profesional.
O obradoiro está dirixido a profesionais de recursos humanos, directivos, xerentes e directores de proxectos que desexen afondar nas intelixencias múltiples.
O curso ten unha duración de oito horas, a impartir nunha xornada cun enfoque eminentemente práctico. As sesións levaranse a cabo o venres 23 na Coruña, en horario de 9.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Amparo Escamilla González, doutora en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Amparo é directora do equipo Proxectos Pedagóxicos e co-directora dos másteres de intelixencias múltiples (Infantil, Primaria e Secundaria) na Universidade de Alcalá (UAH). Entre os seus fitos profesionais áchase o desenvolvemento dunha estratexia (5GTIM) integrada por un conxunto de técnicas de pensamento que, fusionadas con contidos, estimulan as nosas diversas capacidades cognitivas e mentais. Esta estratexia estase a integrar en máis de 450 centros de Infantil e cunha selección de técnicas puntuais, en Primaria e Secundaria. Amparo interveu en máis de medio milleiro de accións formativas relacionadas coas devanditas temáticas.

PUBLICIDADE