Vitae organiza en abril un curso CDS de sobre a guía de boas prácticas ITIL

martes, 5 de marzo do 2024 S. P.

A consultora galega Vitae organiza en abril (os días 8, 9, 10, 11, 15, 16, 17 e 18) o curso ITIL 4 Specialist: Create, Deliver and Support (CDS). Terá 20 horas de duración e desenvolverase en formato de aula virtual con clases en directo. O curso CDS de ITIL forma parte da última versión, ITIL 4, que é un conxunto de prácticas de xestión de servizos de Tecnoloxías da Información recoñecido a nivel mundial.
En concreto, CDS céntrase nos aspectos clave relacionados coa creación, entrega e soporte de servizos dixitais de alta calidade. Este curso aborda como as organizacións poden integrar as prácticas de ITIL 4 para crear un valor sostíbel e entregar servizos eficientes nunha contorna tecnolóxica en constante evolución.
Para quen non o saiba, as siglas ITIL significan Information Technology Infrastructure Library, que podemos traducir literalmente como Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información. ITIL é unha guía de boas prácticas para a xestión de servizos de Tecnoloxías da Información (TI).
Os obxectivos do curso son mostrar como integrar diferentes fluxos de valor e actividades para crear, entregar e manter produtos e servizos habilitados por TI, así como das prácticas, métodos e ferramentas relevantes; formarnos na preparación do rendemento do servizo, a calidade do servizo e os métodos de mellora; e capacitar ao alumnado para a realización con éxito do exame de certificación Crear, Entregar e Manter (CDS) de ITIL 4.
O curso será impartido polo formador Óscar Díaz, enxeñeiro en Topografía pola UPM e delineante industrial, ademais de instrutor experto e ITIL (SS, SO, ST, SD, CSI, MLC) con máis de 12 anos de experiencia. É formador acreditado por Exin para ITIL Foundations, cursos intermedios do ciclo de vida e capacidades, ISO 20000. Ademais, desde hai 10 anos traballa como formador IT acumulando notábel experiencia como formador, especializándose na carreira ITIL, desde fundamentos, pasando por cursos intermedios ata niveis máis especializados de xestión da calidade.
Entre as empresas e organismos que formou atópanse Plexus, Correos Telecom, Indra, Ministerio de Xustiza, Vodafone, Seur, Ferrovial, Deutsche Bank, Volkswagen, Renfe, Laboratorios Lilly, Renault, DXT, IBM, Acciona, Mutua Madrileña, La Caixa, Telefónica ou Ono, entre outras moitas.

PUBLICIDADE