Vitae organiza en xuño un curso avanzado sobre mercadotecnia en liña

luns, 16 de maio do 2016 Redacción

Vitae Consultores ten unha nova actividade formativa entre mans para os nosos profesionais que queiran subir chanzos de coñecemento en materia de mercadotecnia en liña. O Curso Estratexias Avanzadas en Marketing Dixital (información en formato PDF) celébrase na Coruña (Hotel Attica21) os días 10, 11, 17 e 18 de xuño e abrangue un total de 20 horas de contidos sobre os mellores métodos actuais de dar a coñecer ante o mercado mundial un produto ou servizo determinado. Segundo apuntan dende Vitae a conto dos porqués deste curso, “vivimos nun mundo no que todo muda moi axiña o seu aspecto, no que se satura aos usuarios e consumidores con milleiros de impactos, mensaxes push e alertas do día e no que diferenciármonos a captarmos a atención daqueles resulta cada vez máis complexo”. Cara a facilitar este labor (segmentando, dando coa canle axeitada, procurar o nicho máis acaído) é cara onde se dirixe, precisamente, este curso de Vitae.
Segundo se engade, un dos obxectivos é fomentar metodoloxías creativas para o aproveitamento dos recursos dixitais que estean ao noso alcance, metodoloxías que tamén pasan por unha busca xeral da eficacia, da optimización de tempos e da rendibilidade. “O curso”, explica Vitae, “inclúe un completo exame daquilo que funciona e é de utilidade, de como xa non abonda con sabermos empregar as ferramentas se non hai que achegarlles un valor nos procesos creativos da campañas, de como a personalización está cada vez máis á orde do día, e de como a innovación e a guerra entre plataformas ábrenos un universo de posibilidades que nos permiten dar resposta ao esixente consumidor que temos hoxe en día ante nós”.
Resumindo, os obxectivos do curso son os seguintes: por unha banda, axudarnos a acadar o coñecemento preciso para poder proxectar o noso negocio marca ou proxecto en liña, e, pola outra, optimizar as ferramentas, descubrir as novas sinerxías e sermos quen de deseñar, implementar e converter unha estratexia na contorna dixital.
A actividade formativa está dirixida a xerentes, directores e emprendedores profesionais de mercadotecnia ou outras áreas que desexen ampliar os seus coñecementos de mercadotecnia en liña. A metodoloxía a seguir alternará práctica e teoría, e todo “cunha dinámica colaborativa e participativa de debate e análises continuas”.
A encargada de impartir os contidos será Verónica Ramallal Trevín, licenciada en Comunicación Audiovisual e Máster na Escola de Medios pola UDC e La Voz de Galicia. No seu currículo atesoura máis de 12 anos de experiencia profesional no sector da comunicación especializándose na mercadotecnia dixital e as redes sociais. A día de hoxe está á fronte de varias empresas adicadas en exclusiva ao marketing en liña e as iniciativas de mercado 2.0.

PUBLICIDADE