Vodafone Business presentou as súas solucións tecnolóxicas para a transformación das empresas galegas

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

Vodafone vén de celebrar na súa sede da Coruña (o pasado xoves 12 de outubro) o a primeira edición do Vodafone Business Norte Open Day de Galicia co obxectivo de presentar as solucións tecnolóxicas que pon ao dispor dos seus clientes de empresas industriais. Baixo o lema Tecnoloxía para a eficiencia industrial, a operadora deu a coñecer na xornada de portas abertas casos de uso concreto de tecnoloxías como redes móbiles privadas (MPN) 5G, plataformas e dispositivos IoT (Internet das Cousas), xemelgos dixitais, AGV (vehículo guiado autónomo) ou soporte remoto experto, orientadas a facer máis eficientes as organizacións.
Durante o evento a operadora contou coa colaboración de expertos dos seus principais partners da nosa terra (Bosonit, TSK, Zerintia e Netun Solutions). De xeito conxunto deron a coñecer as últimas solucións enfocadas á eficiencia operacional da industria, que se desenvolveron segundo tres piares: plataformas operacionais transversais, menor consumo enerxético e maior aproveitamento dos recursos.
Bosonit encargouse de explicar os mecanismos de control e xestión de diferentes plataformas robóticas e maquinarias en plantas industriais co soporte da rede 5G de Vodafone. Durante a mañá a empresa fixo unha demostración do control de robots, algúns presentes na oficina de Vodafone e outros en instalacións remotas de Bosonit.
Pola súa banda, TSK realizou unha demostración da plataforma multifuncional de ámbito industrial para a dixitalización de procesos, xestión de sensórica IOT e ámbito enerxético.
Por outro lado, Zerintia presentou as súas capacidades en contornas industriais e a solución de experto remoto para procesos guiados ou formacións.
Por último, no ámbito da seguridade viaria, Netun Solutions mostrou aos asistentes o funcionamento e vantaxes da baliza conectada Help Flash IoT, o primeiro sinal v16 desenvolvido pola empresa galega que conseguiu homologación en España e que substitúe aos triángulos de emerxencia. Segundo lembrou Netun, o dispositivo integra unha SIM con tecnoloxía NB-IoT (Narrow-Band Internet Of Things) que lle proporciona conectividade en calquera parte do territorio nacional grazas á rede de Vodafone España. En caso de accidente ou avaría, ao activar o dispositivo envíase de maneira inmediata e automática unha notificación ao centro de control de tráfico da DXT indicando a súa localización exacta.
Francisco Vallejo, director territorial de Vodafone en Galicia, sinalou que “esta iniciativa pon de relevo o compromiso de Vodafone con Galicia. Queremos mostrar como as empresas poden liderar a súa transformación a través da tecnoloxía e a mellor forma de facelo é con xornadas como esta, na que contamos coa colaboración dos nosos mellores colaboradores para dar a coñecer ao tecido empresarial galego os avances tecnolóxicos en materia de plataformas IoT, de redes móbiles privadas (MPN) e doutras tecnoloxías que xa están a revolucionar o sector industrial”.

PUBLICIDADE