Vodafone España investirá máis de 105 millóns en ampliar e mellorar a súa canle de distribución

xoves, 26 de setembro do 2013

Vodafone España vén de amosar o plan de seu para reconverter a súa canle de distribución, dirixido a acadar os 453 puntos de venda antes de marzo de 2017, un proceso que implicará a posta en xogo dun investimento de máis de 105 millóns de euros. Segundo informa a operadora, o obxectivo deste plan, alén das ditas cifras, é ofrecer unha experiencia ao cliente que sexa quen de marcar as diferencias con respecto á competencia, que sexa única no sector das telecomunicacións, e todo a través dunha transformación do espazo e dos procesos de venda, atención e asesoramento ao usuario dos servizos da compañía. En base a isto e como antesala do que vai vir, Vodafone xa abriu tres centros premium de atención en Madrid, Barcelona e Sevilla que ofrecerán un servizo personalizada “cara a cara”.
Por certo que o proceso afecta tanto a tendas propias como a franquías. O programa inclúe o reemprazamento e concentración dalgúns espazos en puntos da cidade máis axeitados e con máis metros cadrados por tenda. Na actualidade, xa se redeseñaron 38 puntos de venda e prevese chegar a 93 antes de marzo de 2014. O plan tamén inclúe a creación de novos espazos máis amplos sen barreiras nin mostradores, con máis iluminación e mobiliario natural que permiten un trato máis próximo. O deseño, informa, facilitará “unha experiencia dinámica na que o cliente poderá interactuar de forma real con máis de 30 dispositivos e dispor de Wi-Fi para probalos con conexión; e ademais introdúcese un novo sistema de xestión de fluxos de usuarios que reduce o tempo que están na tenda”.

PUBLICIDADE