Vodafone One incorpora os servizos de fogar intelixente V-Home

venres, 27 de abril do 2018 Redacción

A operadora Vodafone vén de engadir a Vodafone One, dende hoxe, os servizos de fogar intelixente V-Home, co obxectivo de que “os clientes poidan tirar o máximo proveito dos seus servizos de comunicación”. A empresa de telecomunicacións tamén informa de que con esta iniciativa convértese na “primeira operadora do mercado español e dos países onde ten presenza en comercializar este tipo de servizos”. O devandito tradúcese no seguinte: que a partir de agora, os usuarios de Vodafone One Fibra 1Gbps e 300 Mbps, novos e de carteira, teñen incluído no seu paquete a subscrición mensual ao servizo V-Home (7euros/mes).
Os clientes de Vodafone One Fibra 120Mb tamén se beneficiarán da devandita subscrición de agasallo durante un ano. A maiores, os clientes de One Fibra 50Mb poderán gozar tamén do servizo V-home (igualmente por 7 euros ao mes).
V-Home, que está dispoñíbel tamén para clientes doutros operadores que teñan unha conexión a Internet, fibra ou DSL no seu fogar, pon en xogo a suma de capacidades de Vodafone e Samsung e fai realidade cousas como permitir aos usuarios controlar, desde o smartphone, os dispositivos intelixentes do seu domicilio compatíbeis co ecosistema SmartThings de Samsung e V by Vodafone.
Entre os recursos acubillados atópase Safety Starter Kit, o kit principal de V-Home, que é un sistema de seguimento do fogar que abrangue servizos deseñados por Vodafone para que os clientes poidan coñecer, de maneira doada e en tempo real, o que acontece na súa casa e recibir alertas. Outro dos recursos é o V-Home Monitor, un servizo que permite configurar facilmente o sistema de seguimento e control do domicilio na aplicación móbil SmartThings, “proporcionando unha serie de regras automáticas e enviando alertas cando ocorren eventos no fogar, por exemplo que a cámara empece a gravar cando o sensor detecta que a porta principal está aberta ou que a sirena emita luz cando a cámara ache movemento”, informa Vodafone.

PUBLICIDADE