Vodafone abre o seu servizo de atención por WhatsApp a todos os clientes

luns, 21 de marzo do 2022 S. P.

Vodafone España anunciou este luns 21 de marzo que xa está operativo e dispoñíbel o servizo de atención para todos os seus clientes a través da aplicación WhatsApp. Trátase dunha opción de balde, sen esperas, “con atención 24 x 7 todos os días do ano” e, segundo engade a operadora, “cen por cen libre de publicidade”.
Os clientes que desexen facer uso desta nova canle de atención terán que engadir o número 607 100 100 á súa axenda de contactos e iniciar unha conversación a través da súa conta de WhatsApp. A operadora lembra que o servizo leva máis “dun ano dispoñíbel” para os clientes prepago da compañía, “con excelentes datos de funcionamento até a data”, grazas sobre todo ao potente motor de Linguaxe Natural (baseado en Intelixencia Artificial). O resultado son “uns valores excepcionalmente altos de recomendación do servizo e autoxestión, soportando máis de 14.000 contactos semanais”, explica Vodafone, engadindo que agora ábrese a canle a todos os clientes, tanto aos de prepago como de contrato. A idea é facilitarlles os pasos para realizar múltiples consultas e poder resolver dúbidas e problemas sobre facturas, consumo, avarías, tarifas ou información sobre novos produtos e servizos, entre outras.
Con este lanzamento, Vodafone quere reforzar a súa aposta pola dixitalización de todos os seus procesos, sendo a aplicación Mi Vodafone o principal punto de contacto dos seus clientes, con máis de 100 millóns de visitas e unha penetración do 70%.

PUBLICIDADE