Vodafone achega aos seus clientes a edición exclusiva BTS de LG K11

luns, 27 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone non deixa de achegar novidades de catálogo, exclusivas para os seus clientes, nin sequera no mes de agosto. A listaxe de innovadores produtos á medida dos usuarios vén de ampliarse un chisco máis coa incorporación da nova edición LGxBTS do smartphone LG K11, que inclúe contidos do grupo de k-pop coreano BTS unicamente a disposición dos membros da comunidade da operadora. A nova edición estará dispoñíbel dende este 30 de agosto.
Segundo informa a compañía, LG K11 está especialmente dirixido á mocidade, que é a principal destinataria do devandito estilo musical, de gran pegada nas redes sociais (onde conta con millóns de seareiros de todo o mundo). O lanzamento equipará aos clientes de Vodafone cunha caixa personalizada LGxBTS co dispositivo intelixente LG K11, funda para LG K11 e dicionario k-pop (coreano-español e coas frases típicas das cancións máis representativas desta corrente musical). Ademais, os usuarios disporán, a través de LG SmartWorld, de até sete temas personalizados, correspondentes a cada un dos membros de BTS, que recibirán novas versións ao longo do ano. Tamén se pode acceder a fondos de pantalla personalizados, tons BTS, etc.
Respecto das características máis técnicas do smartphone, LG K11 conta cunha cámara “de alta calidade” con modo retrato e con funcións especiais de intelixencia artificial, modo Noite Plus (para fotografar en condicións de pouca iluminación), un sistema de son envolvente DTS:X 3D para “gozar da mellor experiencia multimedia”, máxima resistencia (grazas á súa certificación militar de resistencia MIL-STD 810 G) e sensor de pegada avanzado, para, en palabras da operadora, “un acceso máis rápido e cómodo”.
En termos máis concretos, LG K11 incorpora unha cámara principal de 13MP e unha cámara frontal de 8MP con efecto desenfoque para facer auto-fotos, co devandito efecto, de até 3 persoas á vez. Inclúe tamén, entre outras cousas, a tecnoloxía Phase Detection Auto Focus (PDAF), que é un 23% máis rápido có autofoco tradicional. Ademais, o Smart Rear Key conta con funcionalidades avanzadas para desbloquear o móbil coa pegada dactilar e tamén activar a función Quick Shutter para facer fotos máis rápido e facer capturas de pantalla en menos tempo.
Ademais, como dixemos, tamén ofrece a máxima resistencia, sendo o único da súa categoría que conta con certificación militar de resistencia MIL-STD 810G, tras superar 8 probas militares dos Estados Unidos (caídas, baixas temperaturas, humidade, vibracións, altas temperaturas, etc.).

PUBLICIDADE