Vodafone alíase co Project Kuiper de Amazon

martes, 5 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O mes pasado soubemos que Telefónica aliouse con Starlink para ofrecer os seus servizos de comunicacións mediante satélites de baixa altura, e agora é Vodafone a que avanza na mesma dirección, anunciando unha colaboración con Project Kuiper, a iniciativa de comunicacións satelitais de órbita terrestre baixa de Amazon, co que esperan poder ampliar o alcance dos servizos 4G e 5G a máis clientes de Europa e África.
Vodafone pretende empregar a tecnoloxía de Project Kuiper para conectar antenas móbiles dispersas ás redes centrais de telecomunicacións, para así poder ofrecer servizos 4G e 5G en zonas nas que resultaría demasiado caro dar servizo mediante as tecnoloxías tradicionais.
Tamén está previsto que se aproveite a tecnoloxía satelital de Amazon para ofrecer servizos a empresas, como pode ser para ampliar a súa conectividade ou para servir de respaldo ante situacións excepcionais.
Nos vindeiros meses realizaranse probas desta tecnoloxía que pretende entrar en produción a finais de 2024, inicialmente só cunha serie de clientes seleccionados.

PUBLICIDADE