Vodafone e Telefónica completan a cobertura móbil do Eurotúnel

martes, 13 de maio do 2014 Redacción

Entre as infraestruturas mundiais que máis precisaba cobertura móbil completa atopábase sen dúbida (até o de agora) o Eurotúnel da Canle da Mancha, a vía subterránea de e 50 quilómetros de lonxitude (dos que case 40 transcorren por debaixo do mar) que une Calais (Francia) coas inmediacións de Folkestone (Inglaterra). Porén, non era doado facelo, precisamente polas súas dimensións, polos investimentos que se precisaban e tamén pola profundidade dunha boa parte dos treitos. Sexa como sexa, a alianza constituída polos tres grandes operadores británicos (Vodafone, Telefónica O2 UK e EE (firma propiedade de Deutsche Telekom e Orange) e pola francesa Alcatel-Lucent (que forneceu fibra óptica GSP-P), foi quen de completar os traballos xa iniciados e rematados na beira sur.
Estes días pasados rematouse emprazamento das conexións do túnel norte (o máis lindeiro a Inglaterra), o que posibilita que as ditas operadoras xa dean servizo.
O núcleo da infraestrutura de subministro de telefónica móbil atópase nunha area de fronteira, a 100 metros de profundidade por baixo do mar. Segundo informan os responsábeis da empresa que xestiona o Eurotúnel, os servizos están a operar sen incidencias e sen causar problema algún no tráfico e control de trens. Como dato a ter en conta, estímase que máis de 20 millóns de persoas cruzan cada ano a vía subterránea que une ámbolos dous países. O servizo está a disposición tanto dos viaxeiros que van nos trens de transporte de vehículos Le Shuttle como das persoas que ocupan os trens de alta velocidade xestionados por Eurostar, a filial de SNFC, compañía de ferrocarrís franceses.
No que atinxe á parte máis técnica do traballo, lembrar que se aproveitou a fibra óptica fornecida pola firma franco-estadounidense Alcatel-Lucent, que operou como socia tecnolóxica. Trátase de redes que ligan antenas dispostas ao longo de todo o percorrido e que posibilitan servizos de 2G e 3G, abrindo a marxe non só para as chamadas senón tamén para a navegación pola Rede en condicións máis ou menos aceptábeis. Con todo, a intención das operadoras é mellorar este punto poñendo en xogo tecnoloxía 4G.
Por certo que a alianza empresarial e os traballos despregados dende a beira británica tivo o seu complemento previo na francesa, coas firmas Orange, SFR e Bouygues Telecom desenvolvendo unha iniciativa análoga dende o outro extremo do túnel (o túnel sur), operativa e dando servizo dende o ano pasado.

PUBLICIDADE