Vodafone estreará o 4G na banda dos 800 MHz en Ourense

xoves, 16 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O uso da banda larga móbil 4G a través da banda dos 800 MHz vai comezar a implantarse en España a partires do 20 de xullo, acompañada cunha campaña informativa, e Vodafone dá conta de que a primeira cidade española á que dará cobertura total de 4G nas frecuencias liberadas polo dividendo dixital non será outra que Ourense, que será o punto de partida do despregamento do 4G de calidade en Galicia.
Tras o acendido das novas frecuencias en Ourense irase pasando a outras estacións emisoras galegas, procedemento que terá lugar de xeito progresivo para poder paliar as posibles incidencias que poidan xurdir, principalmente no que se refire ás interferencias nalgunhas instalacións de TDT, para o que organizouse a campaña llega800 que facilitará os recursos para que todos os cidadáns poidan continuar a ver a TDT sen problemas tras a chegada do novo 4G.
O 4G na banda dos 800 MHz supón importantes melloras de cobertura, especialmente nos interiores dos edificios, que sería aproximadamente o dobre da actual, á vez que tamén ampliaría as frecuencias dispoñibles, ou sexa, incrementando a capacidade da rede de datos móbiles.
Vodafone leva implantando o 4G en España dende maio de 2013, chegando até o 80% da poboación española e con máis de 3 millóns de clientes que fan un aproveitamento efectivo desta tecnoloxía e, aínda que xa chega a todas as poboacións de máis de 50.000 habitantes, no resto aínda está a mellorar as súas infraestruturas, chegando xa a preto do 95% das poboacións de entre 50.000 e 20.000 habitantes, ao 79% das poboacións de entre 20.000 e 10.000 habitantes e ao 33% das poboacións de entre 10.000 e 1.000 habitantes.

Grandes vantaxes para Galicia

As vantaxes da nova frecuencia foron explicadas esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o director de Administracións Públicas e Grandes Contas de Vodafone España, César Cid.
A directora, destacaba que a conectividade a través de banda larga foi unha das prioridades establecidas polo Goberno Galego na primeira estratexia tecnolóxica da Xunta. Lembrou que en catro anos o Plan de Banda Larga cumpriu o obxectivo de facilitar o acceso a Internet en toda a Comunidade e achegou as redes de 200 Mbps a máis da metade da poboación.
Pereira sinalou que agora é preciso adoptar novas medidas para dar resposta á demanda de novos servizos dixitais e das prestacións máis avanzadas. Por iso, avanzou que o a finais deste ano, o Goberno galego aprobará o Plan de Banda Larga 2020 para conseguir que toda a poboación, así como os parques empresariais e polígonos industriais dispoñan de cobertura de redes ultrarrápidas de 30 Mbps.

Reforzo de cobertura 4G en Galicia

O director de Administracións Públicas e Grandes Contas de Vodafone España, César Cid destacou: “O noso compromiso con Galicia fai que elixísemos Ourense para iniciar o noso aceso da banda 800 MHz e que todos os ourensáns poidan ser os primeiros en gozar das vantaxes desta tecnoloxía. A aposta de Vodafone polo desenvolvemento tecnolóxico de Galicia é firme porque, sen dúbida, esta vía debe ser unha das claves do crecemento presente e futuro desta comunidade autónoma”.
Vodafone reforzou a cobertura en Galicia da súa rede móbil co obxectivo de garantir a mellor experiencia de usuario para os seus clientes. O investimento, directo e indirecto, que Vodafone España está a realizar en Galicia entre o seu exercicio fiscal pasado e o actual (do 1 de abril de 2014 ao 31 de marzo de 2016) acadará os 100 millóns de euros.

PUBLICIDADE