Vodafone introduce oficialmente o Nexus One en España

xoves, 20 de maio do 2010 Marcus Fernández

Despois dunha longa espera e moitos retrasos, o móbil de Google, o Nexus One, chega ao catálogo de Vodafone en España, incluso despois doutros terminais posteriores coma o HTC Legend e o HTC Desire, pero destacando sobre estes por contar de serie con Google Maps Navigation, o navegador GPS de balde de Google.
O Nexus One é un móbil con procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 512 Mb de RAM, pantalla capacitiva de 3,7 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles , Wi-Fi, Bluetooth, GPS, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED, lector de tarxetas microSD (o modelo básico inclúe unha de 4 Gb, pero Vodafone incluirá para moitos dos seus usuarios unha de 16 Gb) e sistema operativo Android 2.1.
Polo momento o terminal pode adquirirse por dende 0 euros para particulares, 29 euros para autónomos e 49 euros para clientes empresariais, e Vodafone vén de estrear un micrositio dende o que acceder a toda a información sobre o novo móbil, aínda que haberá que agardar uns días para que o móbil estea dispoñible a través do plan de puntos da operadora británica.
Os clientes particulares que queiran facerse co Nexus One de balde deberán contratar un plan de voz de 59,9 euros e outro de datos de 15 euros, con compromisos de permanencia de 18 e 6 meses respectivamente, mentres que os usuarios que non precisen dun plan de voz de elevado consumo poden partir incluso dun contrato básico de 9 euros/mes (aos que sempre habería que sumar 15 euros/mes de datos) pero pagando 199 euros polo móbil.
Pese as excelentes prestacións do Nexus One, xa están a chegar ao mercado outros terminais máis atractivos para moitos usuarios coma o HTC Desire ou o Samsung Galaxy S, pero o móbil promovido por Google terá coma principal vantaxe que as súas actualizacións de software chegarán da man de Google, de xeito que non haberá que agardar a que os fabricantes fagan o propio, o que non parecen ser unha das súas prioridades a tenor das demoras que están a padecer terminais coma o HTC Hero para adoptar Android 2.1.

PUBLICIDADE