Vodafone lanza un servizo para xerarmos videomontaxes de xeito automático

luns, 1 de agosto do 2016 Redacción

Vodafone España anunciou a semana pasada o lanzamento dun servizo para facilitar ao máximo a achega na Rede de fotos e anacos audiovisuais en vídeo montaxes. Trátase do servizo RealTimes e permitirá, amais de gardarmos, convertermos e compartirmos (SMS, correo electrónico, redes sociais) as nosas creacións, personalizalas previamente cunha longa listaxe de efectos e engadindo cousas como datas e localizacións. “RealTimes”, informa Vodafone, “xera de maneira automática montaxes empregando as fotos e vídeos dos clientes”.
Con este servizo a operadora reforza a súa solución Vodafone Backup+, que se dirixe a garantir a seguridade e a salvagarda do contido da nosa tableta ou móbil, efectuando copias de seguridade dos contactos, das imaxes e dos vídeos, a través de Dropbox e sen que isto supoña gasto na tarifa. E co engadido de ceibar de carga os discos duros dos nosos aparellos.
Lembrar que o servizo fornécese en dúas modalidades: Backup+ Básico con 2GB en Dropbox (1 mes de RealTimes, sen custo) e Backup+ Premium con 25GB en Dropbox (e RealTimes, por 3 euros ao mes).
“RealTimes”, explica a maiores a operadora, “crea recordos de maneira automática” producindo vídeo montaxes botando man das nosas fotos e vídeos. Ademais, engade a compañía, estas “historias” pódense modificar, personalizar e compartir cos nosos amigos e familia. RealTimes tamén almacena os nosos contidos “de maneira segura nunha nube” á que poderemos acceder desde calquera dispositivo en calquera intre.

PUBLICIDADE