Vodafone lánzase a publicitar a súa marca de baixo custe, a operadora Lowi

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Redacción

Vodafone vén de estrearse no eido da telefonía para todos os petos co seu operador móbil virtual Lowi. A intención da operadora é non descoidar un ámbito de actividade (o chamado ámbito low cost da telefonía) no que xa están concorrendo algúns dos seus principais competidores, como por exemplo Telefónica. Vodafone, que puxo en marcha estes días a estratexia publicitara de Lowi nas canles de televisión (podemos vela tamén en YouTube), presenta o seu operador móbil virtual “como a mellor alternativa para quen queira falar e navegar por pouco diñeiro”. Segundo informa, estamos ante “unha marca low cost de comunicacións que xorde co compromiso de ofrecer servizos dunha maneira sinxela, transparente e disruptiva”.
Máis en detalle, a liña de baixo custe de Vodafone opera sobre a súa rede 3G cunha oferta de partida de 1 Gbyte de datos e chamadas a todos os destinos nacionais a cero céntimos o minuto por seis euros ao mes. Polo que respecta á campaña publicitaria que xa está en marcha, foi desenvolvida pola axencia Sra. Rushmore, firma titular da conta de Vodafone, encargándose as firmas Wink e Ymedia da xestión de medios.
Por certo que a presentación oficial de Lowi levouse a cabo, como lembraremos, o pasado mes de decembro. Na posta en longo, a compañía fixo saber que o seu obxectivo, amais de competir coas operadoras rivais, é marcar diferencias con elas en materia de estratexia comercial. Para comezar, funcionará de xeito independente, contará co seu propio centro de atención ao cliente e, respecto da oferta de lanzamento devandita (seis euros ao mes), permitirá ao clientes amorear os datos que non tiveran consumido durante as catro semanas previas. Outra das particularidades de Lowi é que reducirá a velocidade aos clientes que vaian alén da franquía de datos no canto de cobrarlles.

PUBLICIDADE