Vodafone merca á viguesa Tele2

luns, 8 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Vodafone anunciou o peche dun acordo para a compra das filiais de Tele2 en Italia e España por 775 millóns de euros co obxectivo de entrar no mercado da banda larga, que están nunha fase de crecemento nos dous países.
No caso español é de xustiza destacar que Tele2 ten sede social en Vigo (xa que a compañía absorbera a Comunitel chegando a converterse nunha das 5 operadoras máis importantes do Estado) e que actualmente conta con 550.000 clientes, dos que 240.000 teñen contratados servizos de banda larga.
Con esta operación Vodafone parece rectificar o camiño que percorrera nos pasados anos, nos que a empresa decidira centrar as súas operacións en España na telefonía móbil, marxinando as súas actividades nos sectores das telecomunicacións residenciais (aparcando proxectos coma o de Navegalia). Vodafone pretende entrar de inmediato no mercado do ADSL español, e agardan que a adquisición de Tele2 que lle permitirá materializar tal intención rematará a finais de ano ou a primeiros de 2008.
A oferta de ADSL por parte de Vodafone permitirá á empresa a entrada nas ofertas combinadas mesturando servizos de banda larga fixa e móbil e telefonía.

PUBLICIDADE