Vodafone ofrecerá 10 GB de datos no móbil ante fallos na súa banda larga fixa

luns, 30 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Cando temos problema coa banda larga fixa, en moitas ocasións podemos recorrer temporalmente á conexión a través do móbil para saír do apuro, e dende Vodafone entende que tal opción pode ser de grande utilidade como solución provisoria a incidencias, e así anuncia o seu Plan B, unha solución que consiste en que os usuarios que teñan fallos de conexión na súa rede fixa (por ADSL ou fibra óptica) recibirán como solución inmediata un bono de datos de 10 GB no móbil (en cada liña móbil de contrato da factura) para cubrir a interrupción do servizo, que poderá gozarse durante 1 semana (aínda que a incidencia dure menos tempo) e ampliable se a incidencia persiste.
Este tipo de medida non é unha novidade absoluta por parte do operador británico, pois xa no pasado distribuía routers ADSL que integraban unha liña móbil para poder gozar de acceso á Rede durante incidencias na rede fixa ou para cubrir o tempo de demora de activación do servizo, pero desta volta evitan a vinculación da solución baseada na banda larga móbil nun elemento de hardware, dando unha maior liberdade ao usuario.
Lembremos que a meirande dos smartphones actuais contan coa posibilidade de crear redes Wi-Fi dende as que compartir o seu acceso móbil á Rede (en tamén é posible aproveitar esta conexión a través de Bluetooth ou cable USB en moitas ocasións) o que pode resultar máis práctico que dotar ao router doméstico de conectividade 3G/4G (especialmente se está nunha habitación interior con mala cobertura móbil).

PUBLICIDADE