Vodafone venderá en exclusiva o HTC HD Mini en España

mércores, 5 de maio do 2010 Marcus Fernández

Cando en febreiro HTC presentou os móbiles con Android HTC Legend e HTC Desire, outro terminal os acompañaba, só que en vez de funcionar co sistema operativo promovido por Google corría co de Microsoft, o que non debería ser un problema para este excelente móbil de 103,8 x 57,7 x 11,7 milímetros e 110 gramos de peso, que conta coa interface HTC Sense, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash, GPS, Bluetooth, Wi-Fi, pantalla de 3,2 polgadas, procesador a 600 MHz, 384 Mb de RAM e lector de tarxetas microSD, que finalmente venderá Vodafone en exclusiva ata o mes de setembro.
O HTC HD Mini poderá adquirirse a partir da vindeira semana por un prezo de dende 0 euros a clientes de empresa e autónomos (estando accesible tanto para altas novas e portabilidades como a través do plan de puntos).
Cómpre destacar que este terminal con Windows Mobile 6.5.3 tamén poderá funcionar coma punto de acceso Wi-Fi para compartir o seu plan de datos con ata 3 dispositivos simultáneos.

PUBLICIDADE