Vulneran a seguridade de Kickstarter

luns, 17 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Tras unha auténtica vaga de ataques a servizos de xogos en liña para facerse coas credenciais dos seus usuarios, a ameaza chega agora ás plataformas de micromecenado, ou iso parece despois de que a pasada fin de semana Kickstarter advertise aos seus usuarios de que padeceron unha incursión nos seus servidores, o que expuxo a información de parte dos seus usuarios, tras o que tomaron medidas para asegurar os seus sistemas.
Dende Kickstarter deixan claro que en ningún caso é posible que as persoas que penetraron a súa seguridade puidese facerse con información de números de tarxetas de crédito (pois non almacenan tal información completa), de xeito que a única información expostas serían nomes de usuario, enderezos de e-mail, números telefónicos e contrasinais encriptados, polo que recomendan mudar de contrasinal (especialmente se temos unha chave de acceso que poida resultar doada de adiviñar) mentres que os usuarios que se identifican no sistema a través de Facebook non terían que facer nada (xa que nin sequera o seu contrasinal se almacena nos sistemas de Kickstarter).
Cómpre advertir que, de empregar o mesmo contrasinal que en Kickstarter noutra plataforma, é convinte tamén mudalo nos sistemas alleos, como precaución básica (a reutilización de contrasinais e perigosa precisamente tras incidentes como este).

PUBLICIDADE