Wayra estende o seu radio de acción a China

mércores, 19 de febreiro do 2014 Redacción

Wayra, a aceleradora internacional de proxectos empresariais posta en marcha por Telefónica, vén de confirmar que estende as súas pólas en China en colaboración con Virtue Inno Valley (VIV), un dos acubillos de novas iniciativas de mercado do país asiático que amosa meirande proxección de futuro. Este acordo entre Telefónica e Virtue Inno Valley permitiralles compartir recursos e promover negocios dixitais en China, “e tamén a escala global”. Máis polo miúdo, promoveran e compartirán a súa carteira de empresas investidas, coñecementos, programas de titoría, formación, relacións institucionais, comunicación, recursos comerciais e oportunidades de financiamento.
Máis en detalle, esta entrada de VIV no seo de Wayra Global Alliance (iniciativa para crear unha rede internacional de detección da innovación e de iniciativas empresariais dixitais), brindará á plataforma de Telefónica “un acceso inmediato ás innovacións en fase inicial que xorden no maior mercado de novas tecnoloxías do mundo, con 1.400 millóns de habitantes e máis de 800 millóns de usuarios de Internet móbil". Falamos, claro está, do mercado chinés.
Para Wayra, a ampliación da rede a Asia “supón un gran paso e a oportunidade de crear algo extraordinario na industria das start-ups”.
Pola súa parte, VIV disporá dunha xanela aberta ao tecido global de innovación Wayra, que xa conta con 14 academias en todo o mundo. En palabras de Telefónica, “as start-ups chinesas aceleradas por VIV terán agora a oportunidade de internacionalizarse a través da rede Wayra, unha rede que inclúe asesoría a nivel internacional e acceso a recursos comerciais e de financiamento”. Desta forma, engade a operadora, produtos de éxito desenvolvidos por iniciativas TIC do país asiático, disporán asemade da oportunidade de acceder aos 320 millóns de clientes de Telefónica en 24 países.

PUBLICIDADE