WhatsApp funcionará en Android 2.3.7 até 2020

mércores, 21 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A semana pasada comentamos que WhatsApp non estaba a cumprir co seu calendario de abandono de plataformas móbiles por consideralas obsoletas, xa que estaba a acumular prórrogas para non deixar aos seus usuarios tirados, e finalmente actualizaron a entrada do seu blog (na súa versión en inglés) detallando as datas nas que o WhatsApp deixará de funcionar en vellas plataformas.
Se ben o cesamento do funcionamento de WhatsApp para iOS 6, Windows Phone 7 e Android 2.1 e 2.2 xa tivo lugar a finais de 2016, agora sabemos que o 30 de xuño WhatsApp dirá adeus aos Nokia Symbian S60, deixando para o 31 de decembro de 2017 os terminais con Windows Phone 8, BlackBerry OS e BlackBerry 10. Sorprende que os Nokia S40 vaian manter o soporte até o 31 de decembro de 2018 e o que aínda chama máis a atención é que non teñan previsto pechar a porta a Android 2.3.7 até o 1 de febreiro de 2020.
Deste xeito o WhatsApp continuará a funcionar para moitos teléfonos considerablemente vellos durante bastante tempo, dándose un soporte moito máis aló do considerado razoable, xa que parece difícil que un teléfono con WhatsApp poida manterse unha década en funcionamento.

PUBLICIDADE