WhatsApp non pode instalarse nos Nokia 3310

venres, 21 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de maio chegou ao mercado español o agardado teléfono móbil Nokia 3310, considerado como ideal para os que queren prescindir das complicacións dun smartphone, aínda que na práctica o que ofrece sexa moi inferior ao que esperan moitos consumidores (xa que este produto dista moito do Nokia 3310 orixinal e cun prezo moi superior ao de dispositivos da mesma gama). Este teléfono ten conectividade 2G, incluíndo datos móbiles, aínda que pouco pode facerse co acceso á Rede con este dispositivo xa que funciona co sistema operativo Nokia Series 30+ e ten moi pouca memoria, de xeito que resultaría imposible empregalo para funcionalidades que moitos consideran actualmente imprescindibles como recibir mensaxes de WhatsApp.
Matizamos isto último porque nos últimos días proliferou o ruxerruxe de que era posible instalar WhatsApp no Nokia 3310, o que non é máis que un timo ao que cómpre pór cancelas. Son varias as páxinas web (incluíndo publicacións de sobrada reputación como a sección de tecnoloxía de Cinco Días, Andro4all, El Grupo Informático, Android 5x1, Movilzona...) e foros que fan un repaso das prestacións do Nokia 3310 para asegurar que, ao contar co sistema operativo S30+ ten unha versión de WhatsApp dispoñible e incluso convidan a visitar a páxina web de WhatsApp para ver información sobre o tema, aínda que realmente en tal espazo web o que indican é que os dispositivos con S60 deixaron de funcionar con WhatsApp o pasado 30 de xuño e os que funcionan con S40 terán soporte até o 31 de decembro do ano que vén, pero resulta que os sistemas con S30+ non contaron nunca con WhatsApp.
Entón que hai detrás desas informacións que apuntan á existencia dun WhatsApp para o Nokia 3310? Pois estamos ante un timo no que convidan ao usuario a descargar unha aplicación Java e instalala no seu dispositivo móbil. Este suposto WhatsApp Lite sería realmente unha versión modificada doutra aplicación (Qute) que simula ser WhatsApp, aínda que a súa instalación é claramente un risco, xa que podería roubar información do noso móbil ou incluso subscribirnos a servizos de tarificación adicional.
Cómpre lembrar que esta estafa baseada en WhatsApp non é recente, senón que leva circulando pola Rede como mínimo dende 2012, buscando enganar a usuarios que aínda non tiñan un smartphone dándolles a entender que podería gozar da súa killer application sen cambiar de móbil.

PUBLICIDADE