WhatsApp para Androd xa permite desactivar as confirmacións de lectura

venres, 14 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Tras a polémica que espertou a última actualización oficial de WhatsApp, que activaba a posibilidade de poder saber cando un usuario lía as mensaxes recibidas cunha dobre aspa azul, a compañía fundada por Jan Koum está a corrixir a situación, abrindo a posibilidade de que os usuarios decidan se queren empregar esta prestación ou non, de xeito que na sección de Privacidade da aplicación aparecerá un apartado no que podemos activar/desactivar as confirmacións de lectura (de xeito que se non queremos que os nosos contactos saiban cando lemos as súas mensaxes nós tampouco podemos ver cando as len eles as que lles remitimos nós).
Aínda que esta novidade aínda non está presente nas versións de WhatsApp nas tendas de aplicacións, si está dispoñible na última versión para Android (2.11.444) que está dispoñible para a súa descarga dende a páxina web oficial de WhatsApp. É de agardar que en poucos días esta versión estea tamén dispoñible a través de Google Play.

PUBLICIDADE