Windows 10 chega aos móbiles e levará as súas aplicacións universais á Xbox One

xoves, 17 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Aínda que poidamos ter a impresión de que Windows 10 está no mercado dende o pasado verán, o certo é que o seu lanzamento aínda non rematou, pois dividiuse en fases, de xeito que tería que conseguir converterse nun sistema operativo dispoñible en numerosas plataformas, e o que se esperaba que fose un adiamento duns poucos meses, parece eternizarse, e non foi até hoxe até cando pode considerarse que veu a luz a versión móbil de Windows 10, xa que comezou a distribución da actualización á primeira vaga de dispositivos con Windows Phone 8.1 que poderán dar o salto ao novo sistema, xa que até o momento Windows 10 só estaba dispoñible nuns poucos móbiles que chegaran con el instalado de serie, e presentando o que claramente era unha versión sen rematar do sistema operativo, que aínda está bastante lonxe de acadar a madurez en smartphones.
Polo momento os smartphones con Windows Phone 8.1 que se actualizarán a Windows 10 a partires de hoxe son os Lumia 1520, 930, 640, 640XL, 730, 735, 830, 532, 535, 540, 635 (1GB), 636 (1GB), 638 (1GB), 430 e 435, os BLU Win HD w510u e Win HD LTE x150q, e o MCJ Madosma Q501. Nas vindeiras semanas teremos unha segunda vaga smartphones que recibirán a moi adiada actualización.

A Xbox One achegarase a Windows 10 no verán

Pero os móbiles non son os únicos que están a recibir Windows 10 con certo retraso, senón que tamén acontece o mesmo coa Xbox One, consola de videoxogos que anticiparon hai bastantes meses que integraría profundamente Windows 10, tanto para permitir funcións cruzadas entre PC e consolas como para ter dispoñible a tenda de aplicacións de Windows 10, o que enriquecería de xeito impresionante á Xbox One, e que Microsoft confirmou no marco da Game Developers Conference que as aplicacións universais de Windows chegarán á Xbox One a finais do verán coa fusión das tendas de Xbox e Windows.

PUBLICIDADE