Windows 7 e 8.1 non funcionarán en moitos dos futuros ordenadores persoais

luns, 18 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A nova de Microsoft de que remataba o soporte de Windows 8 e Internet Explorer 8-10 parece traer máis cola do agardado, xa que agora Microsoft está a debullar certos detalles sobre o soporte dos vellos sistemas operativos, sacando a relucir algo que pasar inadvertido até o momento: os sistemas operativos vellos non contarán con soporte para os novos procesadores, de xeito que para gozar do hardware máis innovador haberá que empregar Windows 10, non funcionando boa parte dos novos equipos con Windows 7 e 8.
Aínda que para o usuario doméstico tal información pode resultar irrelevante, xa que téndese a mercar un ordenador co sistema operativo pre-instalado, no caso das empresas isto pode ser un problema moi serio, xa que de mercar equipos de nova fornada poderían atopar problemas para integralos no contorno corporativo, de aí que Microsoft anuncie que vai sacar unha listaxe dos novos procesadores Intel Core de 6ª xeración que si serán compatibles con Windows 7 e Windows 8.1 (de xeito que fabricantes como HP, Dell e Lenovo tamén sacarán unha listaxe de equipos seguros para as empresas), aínda que estamos ante unha solución a medio prazo, xa que Microsoft está a orientar a súa estratexia de soporte par forzar a todos os usuarios a dar o salto a Windows 10.
Este escenario vén forzado pola profunda integración entre Windows 10 e o último hardware, permitindo así un incremento do desempeño gráfico e da autonomía das baterías que doutro xeito non sería posible, á vez que tamén avanza na seguridade, abrindo a porta a innovación e loitando contra o inmobilismo á hora de actualizar as plataformas informáticas
Microsoft tamén lembra que actualmente Windows 7 xa está na súa fase de soporte estendido, tendo garantido certo nivel de soporte até o 14 de xaneiro de 2020, mentres que Windows 8.1 recibirá un soporte semellante até o 10 de xaneiro de 2023, pero ningún destes sistemas operativos funcionará coa seguinte familia de procesadores de Intel e AMD, de xeito que a migración a Windows 10 é algo inevitable (xa que os ordenadores actuais terán que ser substituídos nalgún momento).
No caso dos novos ordenadores con procesador Intel de 6ª xeración incluídos na listaxe que facilitará Microsoft, o seu soporte para Windows 7 e Windows 8.1 estará vixente até o 17 de xullo de 2017, data a partir da que só recibirán actualización moi críticas, de xeito que case podemos fixar o ano 2017 como a data límite para que certas compañías completen a súa migración a Windows 10 se non queren atopar problemas para manter o seu parque informático sen importantes riscos.

PUBLICIDADE