Windows 8.1 manterá a estrutura de prezos de Windows 8

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Dentro dun mes chegará como actualización automática de Windows 8 a versión 8.1 do sistema operativo de Microsoft, e a compañía de Redmond está a detallar a situación na que quedará comercialmente este produto que os usuarios actuais poderán descargar de balde, dando a coñecer os prezos para EE.UU. do produto no caso de adquirirse de xeito independente.
Deste xeito, os usuarios que non teñan Windows 8 poderán mercar Windows 8.1 como descarga en Windows.com ou en soporte físico (DVD) en tendas tradicionais a un prezo 119,99 dólares para a súa versión ordinaria e de 199,99 dólares para a edición profesional, de xeito que teriamos unha estrutura de prezos e prestacións equivalentes ás que actualmente ten Windows 8. Os usuarios que teñan un ordenador con Windows 8.1 e queiran pasar á edición profesional poderán adquirir unha actualización por 99,99 dólares que inclúe o software de Media Center (tamén dispoñible de xeito independente por 9,99 dólares).
Para facilitar os procesos de instalación desta actualización, Windows 8.1 distribuirase como unha copia completa do sistema operativo, de xeito que non será preciso ter a man a versión anterior para poder instalar a actual, axilizando as instalacións dende cero ou simplemente a instalación nunha partición independente do disco duro ou nunha máquina virtual.
A actualización a Windows 8.1 tamén funcionará dende Windows 7, conservando os ficheiros, pero precisando da reinstalación das aplicacións, mentres que dende Windows XP e Windows Vista debería optarse por unha nova instalación.

PUBLICIDADE