Windows 8.1 recibirá unha importante actualización o vindeiro martes

mércores, 6 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Microsoft confirmou estes días que o vindeiro 12 de agosto lanzará unha actualización de Windows 8.1, concretando o que incluirá esta renovación do seu sistema operativo, o que pode verse como un desmentido dos rumores que xurdiran apuntando a cambios importantes a nivel de interface no sistema (que algúns comentan que poderían adiarse até un futuro Windows 9).
A Windows 8.1 Update terá tamén un equivalente na versión para servidores de Windows (Windows Server 2012 R2 Update) e principalmente busca atender ás demandas dos usuarios, á vez que realizar melloras de rendemento e seguridade no sistema operativo dun xeito máis profundo que as pequenas actualizacións que se reciben periodicamente.
Os cambios máis importantes que incluirá a actualización do vindeiro martes serán melloras na precisión do touchpad (permitirase ter o touchpad acendidos mentres se emprega o rato, poderanse facer clics dereitos co touchpad, así como dobre toque e arrastrado de elementos), permite que os ordenadores funcionen como receptores Miracast (o que resulta moi práctico, entre outras cousas, para a reprodución en pantalla grande de contidos de dispositivos móbiles) e minimiza o número de veces que SharePoint Online pide ao usuarios que se identifique.
A actualización estará dispoñible dende o día 12 para a súa descarga manual, mentres que a súa distribución automática comezará ese día, pero irá chegando progresivamente a todos os usuarios para evitar problemas de descarga.

PUBLICIDADE