Witness: vídeos en liña de denuncia dos dereitos humanos

luns, 19 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A este que escribe, o cantante Peter Gabriel sempre lle pareceu un artista serio, máis que competente e nada (ou case nada) interesado en potenciar a súa carreira a través das súas iniciativas de compromiso social (máis ben semellaba facelo o revés: aproveitábase da súa sona como músico para sacar adiante os outros proxectos paralelos). O caso é que propostas vinculadas á Web como Witness (“testemuña”) probablemente quiten do medio calquera dúbida que puidéramos ter ó respecto: trátase dun proxecto posto en marcha en 1992 en colaboración con Reebok Human Rights e que xurdiu encamiñado a equipar con cámaras de vídeo e emprestar colaboracións no eido da edición a todo tipo de xente no mundo que traballe a prol dos dereitos humanos, a liberdade, a igualdade ou o medio ambiente. A finalidade última era achegarlles unha boa parte das ferramentas precisas para denunciar violacións dos dereitos para logo divulgalas nos medios.
Witness, que comezou sendo algo alleo a Internet, rematou por trabar fortes ligazóns coa Rede en canto se confirmou o éxito de servizos como YouTube, espazo onde internautas de todo o mundo penduran vídeos para que o resto da comunidade poda desfrutalos e, hoxe en día, auténtica factoría de noticias e información en xeral para os medios informativos (que beben en YouTube para encher unha boa listaxe de planas).
O caso é que Witness, que e Chuza! xa cualifican de “YouTube dos dereitos humanos”, tiña o mesmo problema ca outras iniciativas sociais deste calibre: a falta de ferramentas e recursos que contribuíran a unha meirande difusión no mundo. Mais a Rede foi benévola (en contra do que sostén o Nobel Wole Soyinka) e achegoulle a resposta ó devandito proxecto, unha resposta que bebe das fontes de YouTube na feitura pero que adquire no contido unha fondura e unha dignidade das que, en máis ocasións das desexadas, semella que carece isto que chamamos Rede. En 20Minutos podemos ver unha ampla e interesante reportaxe sobre a iniciativa, a xeito de visita pormenorizada.

PUBLICIDADE