WordPress prepárase para recibir actualizacións automáticas

xoves, 31 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O xestor de contidos máis popular na web, WordPress, comezou nos vindeiros días unha grande revolución co lanzamento da súa versión 3.7, alcumada como Basie na honra de Count Basie, e que, pese a non ter cambios visibles, realmente sería unha das maiores renovacións desta ferramenta por atallar un dos seus grandes problemas: as actualizacións (boa parte das instalacións actuais de WordPress están desactualizadas, o que as expón a numerosos ataques).
WordPress 3.7 incorpora actualizacións en segundo plano, ou sexa, que sen que o administrador faga nada, as páxinas web recibirán as actualizacións de mantemento e seguridade (aínda que non todos os servidores están preparados para tal funcionalidade) e este proceso de actualización lévase a cabo realizando ducias de novos controis para que a actualización sexan seguras e non deixen unha páxina web inservible; o sistema integra un medidor de contrasinais que insta á creación de chaves de acceso complexas para unha maior seguridade); os resultados de busca amosaranse agora con maior calidade (amosándose segundo o ben que encaixen cun artigo, e non só ordenados por data); e tamén mellora o soporte global para que as traducións das distintas versións do CMS poidan recibirse dun xeito máis rápido.
Cómpre destacar que as actualizacións automáticas só están activadas polo momento na versión en inglés de WordPress, de xeito que teremos que agardar para poder facer o propio coa versión en galego (que xa recibiu a versión 3.7.1) estando previsto que chegue co lanzamento de WordPress 3.8 (que sairá en pouco máis dun mes).

PUBLICIDADE