Xa é posible probar Android O na súa versión preliminar

mércores, 22 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A vindeira edición do sistema operativo móbil de Google entra en fase preliminar, e aínda que non se confirmou se Android O levará finalmente como alcume Oreo, os posuidores de dispositivos Nexus 5X, Nexus 6P, Nexus Player, Pixel, Pixel XL e Pixel C poden descargar e instalar unha versión de proba que permite ir adiantando e probando as súas futuras prestacións, que supoñen un interesante paso adiante no control de procesos para maximizar a autonomía ou no xeito de presentar as notificacións ao usuario.
Non teremos que agardar ao Google I/O (evento para desenvolvedores que celebrarase entre os días 17 e 19 de maio, para saber máis de Android O, pois a súa versión preliminar xa permite que os desenvolvedores poidan comezar a explorar as súas novidades, como os límites de execución en segundo plano (será máis doado o desenvolvemento de aplicacións que teñan un reducido impacto no consumo de batería e o rendemento do terminal cando estean de fondo), a estrea das canles de notificacións (as notificacións poderán segmentarse en canles, incrementando as posibilidades de control por parte do usuario), estréase unha nova API para facilitar o uso do recheo automático de formularios nas aplicacións (algo moi demandado polos usuarios que, por exemplo, empregan xestores de contrasinais), a chegada do Picture-in-Picture aos smartphones (será posible continuar a ver un vídeo de xeito solapado mentres respondemos unha mensaxe ou empregamos outra aplicación), as iconas adaptaranse aos distintos dispositivos, poderanse xestionar distintos perfís de cor, incorporarase o novo codificador de audio LDAC para mellorar o son a través de Bluetooth, poderase facilitar a navegación en aplicacións mediante teclado (pensando principalmente no uso de aplicacións Android baixo Chrome OS), cóntase coa nova API nativa AAudio (que achega son de grande desempeño e baixa latencia) e mellóranse moitos outros aspectos de Android.

PUBLICIDADE