Xa está aquí o novo FIFA 18

venres, 29 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a tempada de fútbol xa estea avanzada, hoxe pode considerase que é cando comeza para moitos, aínda que non nos estadios, senón nas pantallas das súas consolas de videoxogos e ordenadores persoais, pois saíu oficialmente á venda FIFA 18, xogo de EA Sports que é o principal referente electrónico do deporte rei, e que pode adquirirse en versións para Xbox One, PlayStation 4, PC e Nintendo Switch (aínda que esta última versión é un xogo lixeiramente diferente, que destaca por ofrecer a mellor experiencia de fútbol creada nunca para unha consola de Nintendo).
Os usuarios que adquiriron as versións especiais do xogo (20 ou 30 euros máis caras) levan xa tres días gozando do mesmo, pero é hoxe cando chega á grande masa de xogadores, volvendo a ofrecer un grande nivel técnico nas súas principais versións co motor Frostbite, que consegue dar un elevado nivel de realismo que, xunto co feito de que esteamos ante a franquía que ten garantidas as licenzas dos principais clubs do mundo, conforma un produto de referencia que resulta imprescindible para millóns de xogadores, como demostran as boas vendas que acumula esta saga nos últimos anos.
Desta volta FIFA 18 ofrece tecnoloxía de movemento de xogadores reais, cun innovador sistema que comproba a traxectoria das poses en cada fotograma, creando unha mecánica de xogo máis fluída e maior capacidade de resposta; a personalidade dos xogadores tamén notarase nos seus movementos (o que permitirá recoñecer as carreiras de Ronaldo, os xiros de Sterling ou as brazadas de Robben); os regates tamén incorporan novas mecánicas que engaden creatividade ao 1 contra 1; conta co modo de xogo El Camino no que vivir a carreira de Alex Hunter; e tamén pódese crear un cadro de xogadores de Ultimate Team, incluíndo ás lendas futbolísticas máis emblemáticas.

PUBLICIDADE