Xa está en órbita o satélite da UVigo que fará posíbel a detección eficaz de lumes

xoves, 27 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Dende hoxe, Galicia está máis preto de controlar a aparición de lumes dende o ceo, amais de exportar estas posibilidades tecnolóxicas de seguimento dos incendios a outras contornas forestais que así o requiran. Estamos a falar do lanzamento do satélite específico LUME-1 do proxecto Fire-RS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System), coordinado pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo. Trátase dunha iniciativa dirixida a loitar contra a destrucción dos lumes botando man das máis avanzadas tecnoloxías da comunicación, da robótica, a enxeñaría industrial e a análise de información. No paquete de recursos avanzados dos que bota man o proxecto atópase o satélite de dous quilogramos lanzado con éxito, hoxe, dende Rusia. Segundo informou a UVigo, este 27 de decembro pasará á historia como o día no que se consolidou a aventura espacial da universidade galega.
O LUME-1, para quen non o saiba, é o cuarto satélite lanzado ao espazo pola UVigo, un vixía automático dotado con tecnoloxía punteira para loitar contra os incendios forestais. O lanzamento foi supervisado e seguido en directo a pasada madrugada polos membros da Agrupación dende a sala de reunións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O lanzamento levouse a cabo coa axuda dunha nave Soyuz dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia.
Segundo lembraron hoxe os investigadores da Agrupación, logo do éxito da posta en órbita do satélite, o LUME-1 é un cubesat tipo 2U, cunhas dimensións 20 x 10 x 10 e un peso de 2,1 quilogramos. Aproximadamente cara hora e media dará unha volta completa á Terra (cada día haberá un total de entre catro e seis pases polo Campus de Vigo) e súa misión fundamental será dar soporte de comunicación bidireccional a sensores de terra que detectan lume, desenvolvidos polo grupo CIMA da Universidade de Vigo, así como prover unha conexión cos avións non tripulados, UAV, deseñados na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto. Respecto dos devanditos sensores (en palabras dos investigadores “vixías automáticos que se colocan en emprazamentos elevados e que teñen un software que pode detectar un radio de ata dous quilómetros de altura”), teñen a capacidade de detectar o comezo dun potencial incendio. Unha vez rexistrada esta información, será notificada de maneira automática ao centro de control de lume, onde os datos serán actualizados respecto da evolución previsíbel das lapas. En palabras da Agrupación, “o LUME-1 permitirá o contacto permanente tanto cos sensores como cos avións non tripulados, constituíndose como un sistema de comunicación que estará en todo momento á disposición das autoridades encargadas da loita contra os incendios”.
No que atinxe á evolución futura do proxecto e ás súas melloras, os investigadores da Universidade de Vigo deixan a porta aberta á inclusión de novos satélites nesta rede e tamén vehículos autónomos dotados de sensores que permitan incrementar aínda máis a eficacia do sistema. No futuro tamén se fará posíbel o seguimento de avións e do propio espectro.
Nos vindeiros meses levaranse a cabo novas probas de comprobación do sistema, incluídas varias probas piloto con lume real, para o que se contará coa colaboración da Axencia Galega de Emerxencias e do Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, que está a ser o encargado de testar as tecnoloxías desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, a través de varios simulacros parciais e un final con lume real e controlado.
O proxecto
Como dixemos, o FireRS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System) é un proxecto europeo coordinado dende Vigo pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA no que participan tamén a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulouse. O proxecto ten un orzamento de dous millóns de euros e o seu obxectivo é “crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia”.

PUBLICIDADE