Xa está na Rede a gala de A polo ghit

martes, 21 de novembro do 2006 Raquel Noya

A Banda Potemkin, A banda da Señorita e Tomasa, os Guezos ou Rumborrachera son algúns dos artistas que, na procura do éxito, botáronse de cheo a participar en A polo ghit, concurso convocado por Vieiros e a Radio Galega para elixir a canción do verán e no que resultou vencedor o músico coruñés Pulpiño Viascón, coa canción In the ocean. O regueifeiro, a través do seu blog A Regueifa, quixo facerlle un favor a todos os que se perderon a gala oficial, emitida na madrugada pola Televisión de Galicia, e está a publicar no seu caderno unha ampla e representativa mostra das actuacións dos participantes.
Á espera de que saia á luz o videoclip do vencedor coa canción do verán 2006 en Galicia, os internautas impacientes tamén poden ir deleitándose en YouTube coas entrevistas e actuacións en vivo de Projecto Mourente, O Leo i Arremecághona, Galegoz e The Homens e co resto da gala, que se irá engadindo nos vindeiros días.

PUBLICIDADE