Xa podemos consultar en liña que praia conta con 4G

martes, 4 de agosto do 2015 Redacción

Para algúns, os máis seareiros, xa non abonda con que unha praia sexa fermosa e acolledora, o ideal (que non quita o devandito) é que teña tamén boa conexión e boa cobertura. Esta cuestión colle folgos se temos en conta o esforzo que están a facer as compañías por fornecer este verán 4G na maior cantidade posíbel de contornas turísticas, e co engadido de extra de poder facelo a través da banda dos 800 (despexada para o 4G logo do Dividendo Dixital). A pregunta que se poden facer os turistas a estas alturas é a seguinte: Como saber cal areal ten as mellores condicións? Ou tamén: Cal das praias que temos ao noso alcance terán cobertura LTE do noso operador? Segundo puidemos saber, xa hai algún que outro recurso para recadar información deste tipo.
Por exemplo a listaxe cumprida que fornecen dende Móvilzona e que consiste nunha relación das praias onde este verán é unha realidade a tecnoloxía 4G ofrecida polos operadores Movistar, Vodafone e Orange, cubríndose boa parte da costa estatal. No que atinxe á nosa beira do mar, Vodafone achega a devandita tecnoloxía en 27 praias da Coruña, cinco de Lugo e 15 de Pontevedra. Polo que respecta a Orange, trátase dunha listaxe de areais semellante en número e localización, aínda que menos específica (figuran por concello e non por nome da praia): 25 na costa da Coruña, seis na de Lugo e 17 na de Pontevedra. No caso de Movistar, sinalar que conta con cobertura en LTE en 1.618 areais das 3.469 que ten rexistrados o Estado. Das 577 que contan arestora con bandeira azul, arredor de 400 teñen 4G. A operadora ten na Rede un mapa onde é posíbel saber cal é a praia máis próxima con cobertura da dita tecnoloxía.

PUBLICIDADE