Xa podemos presentar candidaturas á terceira edición de Vodafone Connecting for Good Galicia

luns, 7 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Xa está en marcha a terceira edición de Vodafone Connecting for Good Galicia, a iniciativa de Vodafone, AMTEGA e Economía para impulsar e acelerar proxectos tecnolóxico-sociais con vontade de mellorar a calidade de vida dunha manchea de colectivos. Segundo vén de informar a axencia que dirixe mar Pereira, as/os emprendedoras/es que queiran concorrer na terceira entrega do programa, xa poden presentar as súas candidaturas, até o 31 de xullo.
Poderán solicitar a súa participación todas aquelas empresas e emprendedores maiores de 18 anos que, desde Galicia, conten “cun modelo de negocio innovador e claras vantaxes competitivas para un produto ou servizo que resolva algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou en calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020”, segundo se sinala nas bases.
Nelas explícase que “valorarase especialmente” o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con diversidades funcionais, motrices ou cognitivas e persoas maiores. O obxectivo do programa é “conseguir que estas iniciativas empresariais convértanse en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito”,
Nesta convocatoria, coma nas edicións previas, seleccionaranse un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Os proxectos incorporados ao programa beneficiaranse de sesións de formación e asesoramento e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través “dun traballo personalizado” e “dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación”. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de Vodafone Connecting for Good, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para “facilitar a coordinación e xestión das propostas”.
O fallo do Xurado cos proxectos seleccionados notificarase antes do 1 de outubro. A fase de formación dos participantes terá unha duración de seis meses, desde o 15 de outubro de 2018 até o 15 de abril de 2019.
Para a valoración dos proxectos, os responsábeis dos mesmos deberán rexistrar a candidatura na web específica da fundación, www.fundacionvodafone.es/premios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases.

PUBLICIDADE