Xa podemos solicitar as axudas á contratación e á dixitalización da Deputación da Coruña

xoves, 21 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves ábrese o prazo de solicitudes para as axudas da Deputación da Coruña en materia de dixitalización e crecemento das PEME, microempresas e autónomos da provincia. Trátase da convocatoria 2019 da liña de apoios empresariais do Plan de Emprego Local (PEL) da entidade que preside Valentín González, cuxo prazo ficará aberto até o 22 de abril ás 14.00 horas. Segundo explicou onte o propio titular do Goberno provincial, o obxectivo é “contribuír á consolidación e fortalecemento do tecido empresarial”, incentivando a creación de emprego e o financiamento de investimentos e actividades. Entre os investimentos que merecen especial atención figuran todos aqueles elementos que contribúan á innovación e á dixitalización.
González Formoso salientou que se trata do terceiro ano que se convocan estas liñas de axudas, que en 2019 suporán un investimento de 5.260.000 euros, dos que 3 millóns se destinan a subvencionar a contratación de traballadores/as e 2,26 millóns a financiar novos investimentos en actividades en empresas de recente creación.
PEL-PEME
A liña PEL-PEME subvencionará ás empresas situadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 75% do soldo e a Seguridade Social do/a traballador/a contratado/a, ata un máximo de 16.500 euros anuais.
Amais, habilítase tamén unha liña PEL-PEME Mantemento, que subvencionará as contratacións laborais indefinidas das entidades subvencionadas na convocatoria anterior do programa.
PEL-Emprende
Na liña PEL-Emprende Investimento a Deputación da Coruña financiará o desenvolvemento de investimentos en bens inventariábeis “novos e necesarios para o desenvolvemento da actividade en empresas cunha antigüidade máxima de 5 anos”. As axudas cubrirán ata o 80% do investimento, cun máximo de 20.000 euros de axuda a fondo perdido, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información.
Na liña PEL-Emprende Actividades contémplanse axudas para subvencionar as actividades e/ou actuacións no desenvolvemento da iniciativa empresarial nos ámbitos de Responsabilidade Social Empresarial, a mercadotecnia (o marketing), a comunicación, a competitividade e a expansión en empresas cunha antigüidade máxima de 10 anos. As axudas cubrirán ata o 80% do orzamento da actividade, cun máximo de 4.800 euros.
1 millón de euros a maiores
A Deputación da Coruña quixo certificar este ano a súa aposta pola creación de emprego aumentando o orzamento nestas liñas en 1.000.000 de euros respecto á convocatoria de 2018, polo que agarda que “teña tan boa acollida polas empresas do territorio provincial”. Na convocatoria de 2018 foron recibidas un total de 2.260 solicitudes. A entidade que preside Valentín González salienta tamén que se segue a valorar con maior puntuación a presenza feminina e a de persoas con diversidade funcional na participación do capital das empresas..

PUBLICIDADE