Xa se pode votar online pola candidatura da Deputación de Lugo no premio Copa de España Creativa

venres, 9 de abril do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo informou da apertura da votación para apoiar a candidatura da entidade provincial ao premio Copa de España Creativa. O prazo para votar (en Internet) ficará aberto até o o 22 de maio ás 13 horas. O obxectivo da proxecto presentado pola Deputación é recuperar e poñer en valor os soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses no seguinte enlace. A web do certame publicou os vídeos promocionais dos finalistas das catro categorías coa finalidade de que obteñan o maior número de votos do público.
Participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España cunha visión compartida (e creativa) sobre o futuro do seu territorio.
O gañador coñecerase en maio, na celebración do Fórum Orihuela 2020, onde cada proposta seleccionada poderá expoñer en público o proxecto. Un 40% dos votos será do público en xeral a través de vídeos nas redes e o 60% dun xurado experto.
A iniciativa gañadora será a encargada de organizar un evento de primeiro nivel con representantes de toda España de diferentes ámbitos e ocuparase da celebración da Copa de España Creativa 2021
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou a importancia deste recoñecemento que reflicte “o bo traballo que desenvolvemos na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”.
Como dixemos, o proxecto da Deputación que foi seleccionado ten como obxectivo a recuperación, a conservación e o aproveitamento económico sustentábel dos soutos existentes na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do “compromiso e o traballo que desenvolvemos para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios”, destacou o presidente.
O traballo foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva.
A Deputación forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos e entre os seus principais obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo de desenvolvemento e o turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultura e favorecer o diálogo entre territorios.

PUBLICIDADE