Xa temos nova edición do recoñecemento ao mellor proxecto de fin de carreira con software libre

mércores, 12 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Chegou finalmente a nova entrega do recoñecemento á mellor investigación ou iniciativa dos nosos estudantes elaboradas sobre o alicerce da programación aberta e dando como resultado máis e mellor programación aberta. Falamos do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre, que chega á súa sexta edición cunha contía de 1.500 euros para o gañador. O galardón está patrocinado pola asociación Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) e máis o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), contándose co apoio da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O premio diríxese a divulgar as vantaxes que ofrece a elaboración dun proxecto fin de carreira, ou fin de grao, baixo unha licenza libre, ao tempo que se difunden as propias vantaxes da programación aberta. Ao xuízos dos impulsores deste recoñecemento, este tipo de traballo representa “un xeito claro de diferenciarse do resto de proxectos presentados, e de ser recoñecido pola ampla comunidade empresarial galega que traballa no marco do código aberto”.
Os requisitos para poder presentarse ao galardón son que o proxecto sexa realizado cunha integración libre de calquera linguaxe de programación, e ter publicado o software desenvolvido cunha licenza libre recoñecida pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Tamén son admitidos os proxectos que fagan uso de hardware libre. Poden optar ao premio tódolos estudantes do Sistema Universitario Galego que teña defendido o proxecto fin de carreira cunha nota mínima de 5 puntos, dentro dalgunha das convocatorias do curso académico 2012-2013. O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de outubro.Para as/os interesadas/os, dicirlles que poden consultar as bases na páxina do premio en mancomun.org, ou poñerse en contacto coa Oficina de Software Libre do CIXUG.

PUBLICIDADE