Xbox Game Studios xa non traballa en xogos para Xbox One

venres, 16 de xuño do 2023 Marcus Fernández

O director de Xbox Game Studios, Matt Booty, nunha entrevista para Axios, recoñece que xa non están a desenvolver xogos para Xbox One, ou sexa, que xa completaron o salto xeracional a Xbox Series X|S, aínda que iso non significa que as vellas consolas queden obsoletas de vez, senón que simplemente xa non hai equipos de desenvolvemento traballando en xogos para consolas da anterior xeración, salientando que grazas ao xogo na nube os usuarios de vellas consolas poderán gozar dos xogos da actual xeración, o que supón un cambio moi importante fronte a anteriores xeracións de consola.
Outros detalles interesantes que comenta Booty é que actualmente as grandes producións no sector dos videoxogos incrementaron a súa complexidade, de xeito que os ciclos de desenvolvemento pasaron de 2-3 anos a 4-6 anos, algo que cada día temos máis presente, e incluso podemos ver como grandes títulos tardan aínda máis anos en conseguir chegar aos estándares de calidade que esixen os seus responsables para poder estar á altura das expectativas que teñen os xogadores.

PUBLICIDADE