Xbox celebra as súas Rebaixas de Primavera

martes, 27 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A Xbox tamén quere sumarse ás rebaixas de Semana Santa, pero cun calendario diferente, de xeito que hoxe inicia as súas Rebaixas de Primavera, que durarán até o 9 de abril, e que incluirán a xogos en formato dixital, accesorios, subscricións Gold a Xbox LIVE e outros contidos.
No caso dos xogos os descontos son normalmente de até o 50%, podendo aforrarse até un 10% máis os subscritores Gold de Xbox LIVE, de xeito que poderiamos mercar Call of Duty: WWII cun 30% de desconto, FIFA 18 e Star Wars Battlefront II cun 60% de desconto, Assassin’s Creed Origins cun 40% de desconto, Cuphead cun 15% ou o recente South Park: Retaguardia en Peligro cun 50% de desconto, mentres que algún título chega a descontos do 85%, de xeito que é unha boa oportunidade para adquirir algún xogo para os vindeiros días festivos.
Nestas datas tamén podemos contratar 3 meses de Gold polo prezo de 1, gozar dun desconto de 10 euros nun mando sen fíos personalizado no Xbox Design Lab e gozar de diferentes promocións asociadas á compra de consolas da familia Xbox.

PUBLICIDADE