Xeopesca recunca co seu obradoiro de iniciación a Arduino

martes, 11 de outubro do 2016 Redacción

Amais do obradoiro sobre FreeCAD do que falamos hoxe tamén en Código Cero, o Centro Matadoiro de Compostela tamén vai dar acubillo, os días vindeiros, a unha actividade formativa e divulgativa sobre Arduino, a plataforma de electrónica libre, accesíbel e cen por cen democrática (Arduino, que dá nome a unha placa de hardware aberto pero tamén a un software, ten o importante potencial de abrirlle a calquera persoa a porta da creación interactiva, robótica e informática).
Esta edición do obradoiro é a segunda entrega da cita celebrada en setembro. Celebrarase o 21 de outubro ás 19.00 horas no Matadoiro. Ámbalas dúas foron organizadas pola asociación Xeopesca en colaboración coa axencia AMTEGA.
O temario abranguerá cuestións como as estruturas e operadores en Arduino, as vertentes analóxicas e dixitais desta tecnoloxía e máis un achegamento a exercicios prácticos coa mesma. Segundo informa Xeopesca, para participarmos é preciso facer unha inscrición previa (hai prazas limitadas). Tamén é necesario que levemos o portátil co software Arduino instalado.
Esta actividade insírese no programa de accións que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE