Xornada demostrativa en Vigo para reducir custes en TI

xoves, 16 de xuño do 2011 Raquel Noya

O vindeiro día 28 de xuño, a empresa do sector TIC EDNON vai organizar na Confederación de Empresarios de Pontevedra (Vigo) un seminario técnico gratuíto para persoas interesadas en reducir o custe das infraestruturas TIC das súas empresas.
Trátase dunha xornada demostrativo-formativa, na que as persoas asistentes poderán comprobar de primeira man, como os equipos Dell, con tecnoloxías SAN iSCSI se integran directamente con VMware vSphere para axudar a reducir o custe e a complexidade da arquitectura da súa infraestrutura de TI.
O seminario, baixo o nome Redución de custes no departamento de TI: Virtualización e Consolidación de Almacenamento, mostrará novas estratexias para construír de xeito sinxelo servidores virtuais e infraestruturas de almacenamento, que lle axuden aos seus usuarios a gañar eficiencia, así como a empregar procesos automáticos para xestiona-las cargas de traballo nos servidores e as súas aplicacións nun entorno protexido.
Asemade, permitirá mellorar a eficiencia operativa dos xestores, así como simplificar operacións cunha infraestrutura virtualizada e de almacenamento para reducir custes e ofrecer alta escalabilidade.
As persoas interesadas en asistir, deberán facer a reserva de praza a través de eventos@ednon.com, sabendo que o número de prazas está limitado.

PUBLICIDADE