Xove súmase aos concellos que xa xestionan incidencias coa axuda dunha aplicación de eLaboro

martes, 29 de abril do 2014 Redacción

O Concello de Xove e a empresa galega eLaboro presentaron hoxe unha innovadora ferramenta dirixida a optimizar a xestión de incidencias do municipio da Mariña de Lugo. A cita cos medios veu da man do alcalde, José Demetrio Salgueiro, e máis o director executivo de eLaboro, Jesús Velasco. A ferramenta en cuestión, City4xove, é un recurso inserido no que comunmente se coñece como eAdministración ou Cidades Intelixentes. Ou sexa, nese tipo de ferramentas e servizos que melloran a comunicación das institucións coa veciñanza, ao tempo que axilizan os trámites e operacións e abren marxe para a participación da xente na vida pública. No caso de City4xove, do que se trata é de achegar “aos veciños un novo vieiro de interacción co concello”, sinalouse na presentación.
Este desenvolveuse no Centro Cívico local, e a eles asistiron representantes de diversos colectivos sociais de Xove, amais de Salgueiro e Velasco, que explicaron “as múltiples vantaxes que vai representar esta ferramenta tecnolóxica a prol da notificación de avisos por parte da poboación”. A aplicación está xa dispoñíbel para a súa descarga gratuíta en Google Play, para plataformas Android. Segundo se fixo saber na cita cos medios e coa veciñanza, a principal función de City4xove é a de pór nas mans dos veciños “unha ferramenta coa que informar en calquera momento e lugar de incidencias detectadas en mobiliario ou espazos que dependen do concello: alumeado, recollida do lixo, rede de sumidoiros, instalacións municipais, etc”. Estas notificacións, a través deste servizo, serán fornecidas aos profesionais responsábeis de cada área, “incluíndo as firmas concesionarias, que poderán facer un seguimento constante da xestión das incidencias, desde que se coñece ata que se resolve”.
No que atinxe ao papel que desenvolve o cidadán, amais de achegar a notificación, no acto fíxose saber que tamén constancia da recepción do seu aviso e, igualmente, do arranxo do problema. Isto farase a través de mensaxes no dispositivo dende o que enviou a notificación.
Segundo se explicou, a ferramenta é unha ferramenta a tempo completo. Deste xeito, “a posta en marcha de City4xove garantirá a resposta dos servizos municipais ante as incidencias rexistradas os 365 días do ano, xa que nas xornadas non laborables, o sistema derivará as notificacións aos vixiantes, que actuarán de inmediato no caso de que se precise unha reparación urxente”.
Coa posta en marcha en Xove deste servizo, xa son máis de 20 os concellos que arestora dispoñen da aplicación, entre os que se contan Barreiros, O Grove, Arzúa ou Rianxo, entre outros. Segundo fai saber eLaboro, “a ferramenta está a ser implantada con éxito na xeografía galega, grazas á súa capacidade de adaptación ás necesidades de cada localidade e á mellora que representa na xestión municipal e no obxectivo de achegarlle o Goberno local ao cidadán”. En definitiva, engade a firma galega, “trátase de potenciar as posibilidades das cidades intelixentes en concellos pequenos e con poboación dispersa, onde as novas tecnoloxías están a converterse en instrumentos básicos na comunicación e o acceso dos veciños aos servizos municipais”.

PUBLICIDADE